Os restos dun gran cetáceo chegan á praia de Cubelas
O exemplar retirouse antes de que os técnicos puidesen identificar a especie para evitar riscos sanitarios.
Operarios municipais retiraron onte pola tarde os restos dun cetáceo de gran tamaño que apareceu varado entre as rocas da praia de Cubelas, en San Cibrao, no municipio lucense de Cervo, e de cuxa presenza alertaron os veciños. A concelleira de Medio Ambiente, Begoña Alonso, explicou que o avanzado estado de descomposición do exemplar e as altas temperaturas rexistradas onte obrigaron ao Concello a actuar sen esperar aos técnicos para identificar a especie, e evitar así riscos hixiénico-sanitarios.
