
A hora punta das emerxencias no verán
No verán, o 112 Galicia vive o seu particular “prime time” de emerxencias arredor das 15:00 e das 20:00 horas. Coincide coas horas nas que máis xente está na rúa, no campo, nas praias ou viaxando. O día comeza máis tarde, remata máis tarde… e con iso, tamén se moven os riscos.
Durante os meses centrais de 2023, entre xuño e agosto, rexistráronse de media 1.300 incidencias entre as 3 e as 4 da tarde, e preto de 1.500 entre as 7 e as 8 da noite. No 2024, aínda que baixaron lixeiramente as cifras totais, esas franxas horarias seguiron sendo as máis conflituosas. Un patrón que xa é case tan previsible como o sol do mediodía.
Reforzo estival
Ante esa realidade, o 112 Galicia non queda parado. O verán esixe reforzos, e así se fai: amplíanse as quendas, hai máis persoal e maior atención precisamente nos tramos onde as chamadas se disparan.
Os martes e mércores son días máis tranquilos. En cambio, os xoves marcan xa o inicio do movemento intenso que se prolonga durante a fin de semana. E o domingo, curiosamente, volve baixar a actividade, coma se o corpo soubese que toca recoller.
Todo isto responde a como se move a sociedade galega no verán, cunha oferta cultural e de ocio que non deixa un recuncho sen festa. E para todo iso, o centro de emerxencias está preparado para activar reforzos cando e onde faga falta.
Os factores de tempo e espazo condicionan a capacidade de resposta dos medios
Non sempre é tan doado chegar a tempo. O ideal sería non ter que chamar ao 112, pero se o facemos, hai que lembrar algo importante: o lugar e a hora da incidencia condicionan a resposta.
Moitas emerxencias prodúcense ao final do día, con luz xa en retroceso. E aí, cada minuto conta, sobre todo se hai que realizar unha localización ou un rescate. Cómpre telo en conta: cando planificamos unha actividade, tamén debemos pensar en que o tempo de resposta pode variar segundo onde esteamos e a que hora.

Os rescates aumentan en verán
Entre maio e agosto de 2024, producíronse 336 rescates de persoas en situación complicada. É dicir, case a metade dos que se rexistraron ao longo de todo o ano. Non é casualidade: é cando máis saímos, máis nos movemos e máis nos expoñemos.
O dato positivo é que o 58% destes rescates se fixeron con coordenadas precisas, unha cifra que mellora notablemente respecto de 2023 (40%) e 2022 (16%). A tecnoloxía axuda, si, pero tamén require da nosa colaboración: activar a localización do móbil pode marcar a diferenza.
No mar, o panorama foi semellante: baixaron os operativos, pero por primeira vez houbo máis casos con coordenadas que sen elas. E, unha vez máis, o verán concentra case a metade destas incidencias.
A prevención e a auto protección, os camiños máis certeiros
Previr é sempre mellor que curar, tamén no verán. A mellor forma de axudar aos equipos de emerxencias é evitar ter que chamalos. E para iso, nada como aplicar o sentidiño.
Antes de practicar deporte, ir á montaña ou darse un baño, hai que coñecer ben o lugar, saber os riscos e adaptarse ás nosas capacidades físicas. Levar móbil cargado, planificar a ruta, avisar a alguén… son pasos pequenos que evitan problemas grandes.
E na auga, aínda máis precaución: aclimatarse antes de entrar, coñecer a profundidade e evitar totalmente o consumo de alcohol. No río, coas súas temperaturas cambiantes, o risco multiplícase. Todo isto parece básico, pero moitas veces esquecémolo.
Como combater as altas temperaturas
As ondas de calor xa non son unha excepción. E no verán, poden complicar moito calquera actividade ao aire libre.
A clave é sinxela: hidratarse ben (sen agardar a ter sede), evitar o sol nas horas centrais, usar roupa fresca e clara, e, se se pode, quedar á sombra cando o calor aperta. Os máis pequenos e os maiores son especialmente vulnerables, así que con eles, máis ollo aínda.
Facer deporte? Si, pero cando baixe a temperatura. E se o corpo pide pausa, escoitámolo. O verán non é unha carreira, é para desfrutar. E iso, tamén é auto protección.
