A corvina americana, a nova especie invasora que ameaza a costa galega

Científicos galegos alertan da rápida expansión e colonización da corvinata real (Cynoscion regalis), especie nativa da costa atlántica de Norteamérica e depredadora de peixes e crustáceos. En Galicia foron atopados seis exemplares en 2016. Agora, investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC), do Grupo de Estudo do Medio Mariño e da Universidade de Vigo confirman “os primeiros rexistros desta especie en augas galegas e o informe máis setentrional da Península Ibérica”.

A corvinata real (Cynoscion regalis) é a nova ameaza para o ecosistema mariño galego. Esta especie é nativa da costa atlántica de Norteamérica, desde Nova Escocia ata Florida. En 2009 informouse por primeira vez da súa presenza fóra da súa distribución natural, nun esteiro belga. Na súa lenta pero incensante expansión pola costa europea, a corvina americana xa chegou a Galicia, onde foron capturados seis especímenes ao longo de 2016. Agora, científicos galegos dan conta destes achados e dos posibles perigos que supón a súa presenza para os ecosistemas mariños galegos. Fanno na revista científica Marine Biodiversity, nun artigo titulado ‘Evidence of a rapid colonization of the Atlantic European waters by the non-native weakfish Cynoscion regalis (Perciformes: Sciaenidae)‘, no que presentan os resultados das análises morfolóxicas e xenéticas dos exemplares recollidos en augas galegas.

Os científicos alertan de que “o feito de que varios exemplares de corvinata real fosen capturados nos últimos sete anos nun amplo rango de distribución podería indicar unha rápida expansión e procesos de colonización ao longo das costas atlánticas nororientais”, incluídas augas galegas.

EXPANSIÓN

O certo é que dende que en 2009 se reportou o primeiro exemplar de corvina americana en Europa, en Bélxica, a súa expansión continuou por distintas latitudes. Hai probas da súa introdución a partir de 2011 no Golfo de Cádiz, inicialmente identificado erroneamente como Cynoscion nebulosus e posteriormente identificado correctamente como Cynoscion regalis. Recentemente, a especie tamén foi capturada en diversas zonas do sur e centro de Portugal. Agora, os investigadores galegos confirman á comunidade científica que os seis exemplares atopados en 2016 en Galicia pertencen tamén a esta especie, o que confirma a súa rápida colonización na costa atlántica europea.

“Seis exemplares de Cynoscion regalis foron capturados en augas galegas pola frota artesanal durante 2016, pero só se conservaron o primeiros catro. De acordo coas declaracións dos pescadores, esta especie foi frecuentemente capturada na ría de Vigo durante a tempada de verán, indicando 2016 como o ano da introdución desta especie en augas galegas”, detallan os científicos.

Mapa da distribución nativa de Cynoscion regalis no Atlántico noroccidental (zona azul) e rexistros da súa presenza no Atlántico nororiental (estrelas vermellas) / Bañón et al., 2017, Mar Biodiv DOI 10.1007/s12526-017-0738-8.

Mapa da distribución nativa de Cynoscion regalis no Atlántico noroccidental (zona azul) e rexistros da súa presenza no Atlántico nororiental (estrelas vermellas) / Bañón et al., 2017, Mar Biodiv DOI 10.1007/s12526-017-0738-8.
Rexistros de Cynoscion regalis en Galicia
(Fonte: Bañón et al., 2017, Mar Biodiv DOI 10.1007/s12526-017-0738-8).
Data Zona Latitude Lonxitude Profundidade
(m)
Tamaño
(mm)
20 abril 2016 Ría de O Barqueiro 43.7698 N −7.6672 W 7 323
20 abril 2016 Ría de O Barqueiro 43.7698 N −7.6672 W 7 324
20 maio 2016 Ría de Vigo 42.1831 N −8.9009 W 12 264
25 outubro 2016 Ría de Vigo 42.1373 N −8.8346′ W 4 304
27 outubro 2016 Ría de Sada 43.4065 N −8.3349 W 3.5
28 outubro 2016 Ría de Vigo 42.1373 N −8.8346′ W 4

 

Estes seis son “os primeiros rexistros desta especie en augas galegas e o informe máis setentrional da Península Ibérica” e é tamén “o primeiro caso documentado dunha especie nativa de peixes do Atlántico occidental na área”, confirman os autores.

Descoñécese como chegou esta especie ata augas da Península Ibérica, primeiro ao Golfo de Cádiz e logo a Galicia, pero non se descarta a priori ningunha hipótese, incluíndo a mediación humana vía auga de lastre ou acuicultura.

“Aínda que se descoñece o vector de introdución de C. regalis, é moi improbable que esta especie cruzase por si mesma o Océano Atlántico”, sosteñen os científicos, que consideran que as “causas antropoxénicas”, é dicir, as derivadas da acción humana, “parecen ser a vía máis probable” da introdución desta especie nas augas europeas.

“Dado que esta especie non se cultiva en España, a introdución por vía marítima parece ser o vector máis plausible”, aportan os investigadores, que consideran que está sería a hipótese máis factible polo feito de que “a maioría dos especímenes reportados en Galicia foron detectados nas proximidades de portos comerciais internacionais como Celeiro, San Cibrao e Vigo”. Con todo, os científicos apunta a unha “introdución secundaria” en Galicia dende as áreas xa reportadas en Europa previamente e, máis concretamente, no sur da Península Ibérica. O certo é que no esteiro do Guadalquivir, no Golfo de Cádiz, a corvinata real xa constitúe” unha poboación ben establecida e comercialmente explotada”, apuntan os responsables dos achados en Galicia, que xogan coa idea de que os rexistros posteriores cara ao norte, na costa de Portugal e nas augas galegas, en 2015 e 2016, poderían representar expansións da poboación introducida no esteiro do Guadalquivir por migración natural e/ou desprazamento por correntes”.

Este comportamento migratorio sería similar ao que mantén a especie na súa área nativa, onde “a migración estacional durante a primavera leva a corvinata real nun movemento setentrional ao longo da costa”, o cal podería estarse repetindo no Atlántico oriental.

Así, os científicos consideran máis probable que “tanto os rexistros portugueses como os galegos se deben a expansións da primeira introdución na Península Ibérica, no esteiro do Guadalquivir”.

Para os investigadores galegos, ” a aparición de varios exemplares ao longo dun amplo rango de distribución, incluída unha poboación xa establecida no Golfo de Cádiz, parece ser indicativa dos rápidos procesos de colonización e expansión de C. regalis nas augas do Atlántico europeo”.

AMEAZA

Por que a corvina americana é unha ameaza para os ecosistemas mariños galegos? Os expertos avisan de que a introdución voluntaria ou involuntaria de especies exóticas no medio mariño pode repercutir de maneira negativa e supoñer un grave risco para o ecosistema autóctono.

Aínda que os estudos sobre o impacto da corvinata real —especie piscívora— aínda están comezando e pouco se sabe dos efectos da presenza desta especie exótica en augas do Atlántico europeo, a invasión do Cynoscion regalis en zonas de alimentación e crianza podería ter consecuencias moi negativas para algunhas especies autóctonas, o equilibrio do ecosistema e a economía local.

Sobre os posibles prexuízos que esta especie pode ocasionar no hábitat mariño, hai que ter en conta que se trata dunha especie depredadora de peixes e crustáceos que habita na zona costeira e reprodúcese nos esteiros, polo que é un competidor polos recursos doutras especies de similar alimentación e o uso de hábitats, ademais de exercer unha nova presión sobre esas especies presas. Ademais, podería ter un efecto directo sobre especies autóctonas similares ao alimentarse das fases xuvenís destas, e podería traer enfermidades ou parasitos que poden afectar as especies autóctonas con mais virulencia.

Os primeiros estudos son moi recentes e iniciais, polo que os científicos galegos chaman a desenvolver máis traballos de investigación e programas de monitorización sobre o impacto de C. regalis nos ecosistemas costeiros europeos, principalmente nas zonas dos esteiros, para o manexo adecuado desta nova especia nas nosas augas.

Aínda que segundo a bibliografía consultada a especie pode alcanzar o metro de lonxitude, ata agora só se pescaron exemplares de entre 200 e 500 gramos de peso e tallas inferiores aos 50 centímetros en Andalucía e arredor dos 30 centímetros en Galicia.

O equipo que traballou nos achados, análises e estudo dos espécimenes atopados na costa galega está composto por investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) en Vigo, pertencente ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas; do Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), con base en Ribeira; e do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI), do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía e da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.

Os científicos contaron coa colaboración e achegas das confrarías de Cangas do Morrazo, O Vicedo e Celeiro— e as embarcacións ‘O Vilela’ e ‘Hermanos Riveira’ por proporcionar os exemplares capturados nas rías de Vigo e O Barqueiro e os seus datos

Os exemplares de corvina americana capturados en Galicia e conservados foron depositados na colección de peixes do Museo de Historia Natural Luís Iglesias da Universidade de Santiago de Compostela cos números de referencia MHNUSC 25048-1 a MHNUSC 25048-3.

Galicia Confidencial

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *