Tanto a Administración galega como as empresas da comunidade apostan por mostrar as bondades dos peixes e mariscos das súas rías máis aló das súas fronteiras, contribuíndo a poñer en valor a súa calidade.
As campañas de promoción como GALICIA SABE AMAR e as feiras de alimentación nacionais e internacionais contribúen a impulsar as exportacións de produtos do mar galegos ata cotas nunca antes vistas. Nos últimos anos as vendas galegas ao exterior de peixes e mariscos en distintas presentacións marcou récords, acadando en 2022 o seu último máximo con máis de 2.700 millóns de euros facturados. Este fito produciuse malia as dificultades económicas globais derivadas da guerra en Ucraína, do encarecemento da enerxía e das materias primas e da escalada inflacionista que levou aparellada.
Nesta liña, a Xunta xa estivo este ano ou vai estar presente en importantes feiras internacionais como Gulfood Dubai, Foodex Japan, a Seafood Expo North America, Tutto Food Milán, a Summer Fancy Food Show de Nova York, a Seafood Expo Asia, Expomar Cabo Verde ou Anuga Colonia. A elas engádense outras nacionais como a Aquafuture Spain de Silleda, o Salón Gourmets de Madrid, a Seafood Expo Global de Barcelona, Expomar Burela, Salimat Abanca en Silleda, Conxemar Vigo, San Sebastián Gastronómika, Xantar Ourense ou Gastrónoma Valencia.

GALICIA SABE AMAR
Esta estratexia ampla de promoción dos productos galegos do mar –que engloba outras accións puntuais dirixidas aos escolares ou á xeración millenial– deu continuidade á iniciativa posta en marcha en 2020 coincidindo coa alerta sanitaria polo coronavirus Compra produto fresco do mar. Estamos no meso barco, que pretendía agradecer o esforzo realizado pola frota malia as dificultades. Neses meses o sector pesqueiro, que foi declarado esencial, seguiu faenando en moitas ocasións malia que non lle era rendible polo seu compromiso de subministrar alimentos de calidade á cidadanía.
Novidades de 2023
A campaña GALICIA SABE AMAR dou un paso máis neste 2023 ao botarse á estrada para percorrer mediante catro foodtrucks distintos concellos de España polos que pasan diferentes rutas do Camiño de Santiago. Neles as catro furgonetas ofrecen petiscos elaborados a base de produtos certificados do mar de Galicia para poñer en valor a súa versatilidade e calidade animando así a veciños e visitantes a mercalos e consumilos.
A promoción convértese así nun paso intermedio entre a extracción e a comercialización dos recursos que contribúe a optimizar os resultados e mellorar a rendibilidade da actividade en beneficio do conxunto dos profesionais do mar.
Unha opción saudable
As máis de 60 lonxas galegas poxan unha gran variedade de peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos que poñen a disposición do consumidor un grande abano de posibilidades para levar ao seu fogar cada día e poder cumprir coas recomendacións sanitarias de consumir, como mínimo, tres ou catro racións desta proteína á semana.
E os galegos predican co exemplo pois a dieta atlántica ten no peixe un dos seus grandes piares, o que contribúe á lonxevidade dos seus cidadáns. De feito, Galicia ostenta o segundo posto en poboación con maior esperanza de vida de España.
Resultados
A estratexia deseñada por Galicia para promocionar os produtos do mar e elevar tanto o seu consumo como os seus prezos parece dar froitos, pois as cotizacións nas lonxas galegas encadearon varios máximos históricos nos últimos anos. En 2022 o prezo medio acadou os 3,26 euros o quilo, unha cifra un 30% superior á media da serie histórica, que se remonta ao ano 2002.
Un sector con impacto en toda a economía
As accións de promoción dos produtos do mar convértense nunha importante ferramenta para elevar os prezos e impulsar un sector fundamental para a economía galega, pois ten interacción con 76 das 83 ramas económicas identificadas en Galicia.
O complexo mar-industria galego pon no mercado cada ano produtos por valor de preto de 9.000 millóns de euros e o valor das exportacións está medrando de forma continuada ata superar os 2.700 millóns de euros en 2022. Nese bo comportamento teñen moito que ver as campañas de promoción duns alimentos que son fonte de Omega-3, vitaminas D e B, ferro, potasio, iodo ou calcio, entre outros. De feito, os peixes e mariscos contan con importantes valores nutricionais e cunha pegada de carbono das máis baixas entre os produtos que hai dispoñibles no mercado.
Por iso o consumidor actual atopa no sector extractivo e na industria transformadora a confianza necesaria á hora de obter un produto de calidade, respectuoso coa súa contorna e, á súa vez, xerador dun gran número de empregos. Só a cadea mar-industria galega dá traballo directamente a 40.000 persoas.